24 de decembro de 2018

Recomendacións lectoras

Presentamos as nosas recomendacións de lecturas para que as teñades en conta nas vosas peticións deste Nadal.

Visita da Apalpadora

O venres 21 chegou a Barro a Apalpadora. Estaba previsto que a actividade, organizada polo Concello de Barro e a Deputación Provincial,  se desenvolvese na Nave da Música de Outeiro pero, por mor do tempo atmosférico, trasladouse ao ximnasio do CEIP Amor Ruibal.

No colexio estabamos impacientes por recibila, escoitar as súas historias e inquedanzas polo coidado dos bosques e respecto á natureza e, como non!, as súas cancións. De certo, resultou marabillosa  e puidemos gozar con ela nesta despedida do trimestre. Ademáis agasollou ao alumnado cunha felicitación de Nadal e un sobre con sementes de carballo.

Podedes ver a continuación un vídeo resumo de como se desenvolveu a actividade.



Bo Nadal coa Apalpadora!!!

Contacontos de Nadal

O pasado xoves, 20 de decembro, recibimos a Estela na biblioteca do noso centro para agasallar ao alumnado de Infantil cunha sesión de contacontos. Contounos "Cando Martiño tivo ganas de mexar a noite de Reis", "O Polo Pepe" e "Gato Guille e os monstros".

Pasámolo xenial!!




Moitas grazas, Estela, por vir compartir connosco os teus contos e facérmonos pasar un rato tan divertido!

23 de decembro de 2018

Postais gañadoras no XVIII Concurso de Postais

Tralo veredicto do xurado, xa temos o cartaz coa resolución do XVIII Concurso de Postais de Nadal convocado polo Concello de Barro.

Parabéns a todas e a todos os gañadores!

A continuación presentamos as postais gañadoras presentadas polo alumnado do noso centro:



CAT  1:
LUCAS MORGADE MAGARIÑOS
2º B




CAT  2:
IRIA GARCÍA PAZ
3º A



CAT  3:
ALBA BARREIRO GÓMEZ
5º A




CAT,  EN EQUIPO:
DIEGO GARCÍA PAZOS e
MARIÁN PAZOS (nai)





Visita de Papá Noel

O pasado mércores, 19 de Decembro, recibimos no colexio a tradicional visita de Papá Noel que chegou cargadiño de agasallos para o alumnado máis cativo e repartiu lamberetadas entre o resto.
O noso agradecemento ao Concello e a OMIX pola organización desta actividade que fixo moita ilusión a todo o alumnado do CEIP Amor Ruibal.

18 de decembro de 2018

Minuto de silencio por Laura Luelmo

A comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro, autoridades municipais e veciñanza gardaron hoxe un minuto de silencio como mostra da dor e repulsa polo asasinato da profesora Laura Luelmo, a mans da violencia machista instalada nesta sociedade enferma que nos tocou vivir.



Nin unha menos!

5 de decembro de 2018

Demostración dunha Ecolimpiada

No marco da celebración en Barro do Mercado Ecolóxico #EcoBarroLóxico os vindeiros días 8 e 9 de decembro, todo o alumnado de Infantil e Primaria asistiu no ximnasio do centro á demostración dunha Ecolimpiada co obxecto de pór en valor xogos con elementos da natureza. 

Xogos moi interesantes para estimular a imaxinación, a creatividade, a psicomotricidade, o sentido do equilibrio ou, mesmamente, do tacto e do olfacto.


Moitísimas grazas a Luz e a Sonia, da Horta Agrelo, 
por facérmonos partícipes destas interesantes propostas !

XVIII Concurso de Postais de Nadal

O Concello de Barro a través da OMIX (Oficina Municipal de Informeción Xuvenil) ven de convocar o tradicional Concurso de postais de Nadal. 

Achegamos o cartaz e as bases do concurso que este ano presentan algunhas novidades:
  • Empregar o impreso facilitado pola organización.
  • Tema libre.
  • De levar texto, o idioma a empregar é o galego.
  • Non pode levar o nome escrito. 
  • As postais presentadas no colexio, levarán na parte de atrás o curso e número de lista (que facilitará a titora)
  • As postais realizadas "en equipo" deben ser entregadas directamente no rexistro do Concello polas persoas responsables.
As postais presentadas no CEIP Amor Ruibal, teñen que ser entregadas na Biblioteca do centro antes das 14:00 hs do mércores 12 de decembro.















 

Animádevos a participar!!

3 de decembro de 2018

Concentracións 25N en Barro

O mércores 28 de Novembro, no marco dos actos programados en Barro para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, as autoridades municipais, as comunidades educativas do CEIP Amor Ruibal e do IES máis veciñanza uniron as súas voces para reivindicar a eliminación de todas as violencias machistas e a igualdade real necesaria para vivir e deixar vivir en paz.

Deixámosvos un vídeo resumo das concentracións desenvolvidas no Salón de Actos da Biblioteca Pública Municipal e no ximnasio do CEIP Amor Ruibal.



Moitísimas grazas a todos e a todas 
pola vosa participación!!


2 de decembro de 2018

Concerto en Familia 25N

O domingo 25 de Novembro, co motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, tivo lugar na Nave da Música de Outeiro un Concerto en Familia organizado pola Banda de Música Xuvenil de Barro coa colaboración do Concello e o CEIP Amor Ruibal de Barro.

O director da Banda, Santi Mella, e a mestra de música do CEIP Amor Ruibal, Claudia Favorecido,  en consonancia co sentir do Concello de Barro e de todas as persoas presentes, compartiron a súa repulsa pola violencia contra as mulleres e a firme crenza na coeducación como potente ferramenta de prevención desta eiva social, pois educar na igualdade e no respeto é, precisamente, educar contra a violencia.

O magnífico repertorio musical ofrecido pola Banda contou coa animada participación coral de alumnado do CEIP Amor Ruibal nas pezas Heijamano de Bert Appermont e Depende de los 2 de Javier Cortés (letra) e Jaime Arilla (música).

O concerto foi seguido con grande entusiasmo por un público entregado que soubo valorar o esforzo colaborativo e ben coordinado de 150 persoas, facéndonos vivir unha experiencia marabillosa.

Ao final, o alumnado participante recibiu, como agasallo por parte da Banda, cadanseu exemplar do libro `Froito dunha ilusión´ do veciño Celso García Alonso, que recolle as diferentes etapas e momentos máis destacados polos que pasou a Banda e que foi editado o ano pasado co motivo do seu 25 aniversario.

Moitísimos Parabéns!

Moitísimas Grazas á Banda de Música Xuvenil de Barro por brindármonos a oportunidade de participar neste proxecto tan fermoso!

Moitísimas Grazas a todas as persoas que fixestes posíbel este concerto memorábel, en especial ás familias polo voso apoio!

Por unha igualdade real necesaria no mundo!

A continuación, ofrecémosvos un vídeo resumo do acontecemento. Agardamos que vos guste.


23 de novembro de 2018

Carta de MIMI: Concentración 25N

Hoxe enviamos ás familias do noso alumnado unha carta na que citamos a toda a comunidade educativa e veciñanza ás concentracións para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Terán lugar o vindeiro mércores, día 28, no ximnasio do CEIP Amor Ruibal (11:00h) e no Salón de Actos da Biblioteca Pública Municipal (12:00h).
Convocan: Concello de Barro, CEIP Amor Ruibal, IES de Barro, ANPAs.


Animádevos a participar!
Contamos con vós!

18 de novembro de 2018

Visitamos a Biblioteca Pública

A visita anual á Biblioteca Pública de Barro contou coa colaboración de "avós e avoas" como fantásticos contacontos que souberon atraer a atención do noso alumnado:
José Alba, "La luna"
Antón Luna, "A figueira de Pelostortos"
Gerino Calvo, "Nariz de ouro"
Mª Carmen Rey, "O cociñeiro Martiño"
Sofía Solla, "O neno mosquito"

Ademais contaron cun obradoiro de actividades de conmemoración do 50 aniversario da publicación de "A galiña azul" de Carlos Casares.

Damos conta desta actividade no seguinte vídeo resumo:




Moitísimas grazas á OMIX pola organización 
desta fermosa actividade e 
moitísimas grazas aos avós e avoas participantes!!


6 de novembro de 2018

Celebramos o Samaín

Ao longo do mes de outubro o alumnado de todos os niveis de Infantil e Primaria participou na elaboración de diferentes elementos para a decoración de corredores, aulas e Biblioteca do centro. 













Tamén crearon textos de diversa tipoloxía coa temática do medo: Receitas, apócemas, conxuros, poemas e contos que lemos e compartimos no día da celebración durante a " Hora de ler".



Boísimo traballo, artistas!!

30 de outubro de 2018

Entrega do X Premio MIMI

O venres 26 de outubro foi un día moi emotivo para a comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro. Reunímonos na Nave da Música do Concello para entregar o X Premio MIMI a MAMÁ CABRA pola difusión da lingua e cultura galega a través das súas fermosas cancións.

Tomi López, Harry Price e Iago Rodríguez, tres integrantes do grupo, subiron ao escenario, xunto ao alumnado de 6º, responsable do proxecto, para recibir o Premio (unha talla en madeira de MIMI, a mascota da Biblioteca do colexio, feita polo artista Fran Rodríguez Remiseiro) e desenvolver animadas actuacións musicais seguidas con grande entusiasmo por todo o auditorio.
É o broche de ouro a un grandísimo traballo desenvolvido o curso pasado no que participou tamén o alumnado que cursa actualmente 1º da ESO no IES de Barro, que asistiu gustoso xunto a profesorado do seu centro.
Ao final do acto, MAMÁ CABRA posou xenerosamente con alumnado e profesorado e asinou unha bonita dedicatoria no libro de visitas da nosa Biblioteca.

MOITÍSIMOS PARABÉNS, MAMÁ CABRA!

MOITÍSIMAS GRAZAS!

Podedes ver un resumo desta xornada memorábel no seguinte vídeo:



Ademais, o alumnado do colexio deixou nos blogs respectivos as súas impresións.

No blog PEQUECHOLANDIA:

No blog de 1º e 2º:

No blog de 3º e 4º:



27 de outubro de 2018

PISCIS. As augas da vida

Ao longo deste mes de outubro, o alumnado de Infantil e Primaria do noso centro visitou no Concello a exposición fotográfica `PISCIS. As augas da vida´ da artista María José Sánchez (Mj.Bolboreta). O grupo de 1º de Primaria tivo a sorte, ademais, de se atopar na propia sala coa artista, coa que falaron moi animadamente.

O alumnado aproveitou a oportunidade para desenvolver, con moito interese, respeto e atención, actividades variadas de valores sociais e cívicos, educación artística e lectoescritura, que remataron de volta ás aulas.


















Amor á Arte e creatividade constante, si!!!

Moitísimas Grazas!!!

23 de outubro de 2018

As familias contan

Comezamos un ano máis o proxecto "As familias contan". Contan, len, cantan, xogan, acompañan, aprenden, comparten... as familias teñen o seu espazo na biblioteca escolar, na formación dos lectores e das lectoras. 
Con motivo da celebración do día das Bibliotecas convidamos ás familias do noso alumnado a participar con nós na seguinte carta que hoxe difundimos entre o alumnado.

Contamos con vós!
Animádevos a participar!

18 de outubro de 2018

Ruta "Da auga en calma á auga en movemento"

Este poético título corresponde á ruta de sendeirismo que une os concellos de Pontevedra e Barro e que discorre desde o embalse do Pontillón do Castro a través do monte Acibal ata a Chan de Campodeira, pasando polo Regato de Santa Susana, Triabá (e o seu cruceiro), Mane e Igrexa de San Breixo para rematar na Barosa.

O alumnado de 5º e 6º curso de Primaria fixo a súa primeira saída deste curso escolar para percorrer a pé esta senda coa compaña de mestras do centro e a inestimable guía de Xosé Manuel Fernández Abraldes, artífice da mesma.

Deixaron tetemuña desta saída no seu blog :

Amosamos a continuación un vídeo resumo desta andaina:



Moitísimas grazas, Xosé Manuel, por transmitirnos o teu coñecemento e polo tempo dedicado!

19 de setembro de 2018

Leonardo e os fontaneiros

Tal e como contabamos na entrada anterior, o pasado mércores acudimos á Nave da Música para gozar coa adaptación teatral de "Leonardo e os fontaneiros" representada pola compañía Ubú Teatro.
Posteriormente, o Sr. alcalde, Xosé Manuel F. Abraldes e Mónica Alba, dinamizadora na OMIX de Barro, estiveron na Biblioteca do noso centro para presentar o inicio de actividades na Biblioteca Pública e agasallar ao alumnado de Primaria con cadanseu exemplar de "Leonardo e os fontaneiros" de María Victoria Moreno. 

No seguinte vídeo recollemos un resumo fotográfico destes dous actos.



Moitísimas Grazas!
Bo curso a todos e a todas!

13 de setembro de 2018

Inauguración do curso escolar 2018-19

Onte, a ilusión de alumnado, profesorado e familias encheu as aulas do CEIP Amor Ruibal de Barro na inauguración do novo curso escolar.

Como colofón á emocionante xornada, a comunidade educativa gozou na Nave da Música da magnífica adaptación teatral de Ubú Teatro da obra Leonardo e os fontaneiros de María Victoria Moreno (Letras Galegas 2018), cunha posta en escena tan impecábel coma divertida.

O acto, organizado polo Concello e promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra, contou coa presenza do alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes e de José Sanmartín (tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Servizos), Amelia Cancela (concelleira de Benestar Social, Educación e Sanidade) e Pili Álvarez (responsable da Biblioteca Pública e OMIX de Barro).

Na súa mensaxe de benvida, o alcalde reiterou o compromiso do Concello coa educación e coa cultura no marco da fluída colaboración co noso centro que tanto beneficia ás nosas crianzas.

Moitísimas grazas!


Feliz curso escolar 2018-19!

11 de setembro de 2018

Arranca un novo curso

A comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro ten mañá unha cita moi importante: A inauguración do curso escolar 2018-19.
Ás 9:00 h recibiremos ás familias no centro e, ás 12:00 h, alumnado, profesorado e familias asistiremos na Nave da Música a unha actividade organizada polo Concello e promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra: A representación teatral de "Leonardo e os fontaneiros" de Ubú Teatro, obra homónima de María Victoria Moreno Márquez, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018.

Agardámosvos!
 

2 de xullo de 2018

DEBERES PARA O VERÁN

Estes son os deberes para o verán:


Descansade e gozade a tope para voltar o vindeiro curso con enerxías renovadas!

Bicos e apertas,

MIMI

1 de xullo de 2018

Cousas Nosas XVIII

Co remate do curso chegou ás vosas casas a edición en papel da revista escolar. Hoxe publicamos a edición dixital para que a gocedes a toda cor.





Podedes acceder a esta e ás revistas anteriores a través do blog de lecturas e produccións propias, do que tedes enlace na barra da dereita si premedes na imaxe da revista "Cousas Nosas" ou ben premendo no enlace a continuación.

Lecturas recomendadas

Aquí vos deixamos as recomendacións lectoras da Biblioteca para este verán. Unha ampla variedade de títulos para que gocedes cun libro durante as vacacións.


30 de xuño de 2018

Graduación e Entrega de Orlas

A pasada semana celebramos no noso centro o Acto de Graduación e Entrega de Orlas ao alumnado de 6º de Primaria e Educación Infantil. Quixemos facer partícipes ás familias polo que convidamos aos familiares do alumnado homenaxeado en cada acto.
A entrega de 6º de Primaria estivo amenizada pola Banda da Escola de Música de Barro, integrada por alumnos e alumnas, a maioría, do centro e dirixida por Alberto Busto Castaño.
Velaí o vídeo resumo:



Despois do tempo de lecer tivo lugar o acto de entrega para a rapazada de 6º de Infantil, que tamén contou coa presenza das súas familias. Podémolo ver no seguinte vídeo:



Parabéns a todos e todas!
Bo verán, e ...
Vémonos en setembro!

29 de xuño de 2018

XXXIX FESTA DO VIÑO DE BARRO

Compartimos hoxe tres vídeos sobre a Festa do Viño de Barro 2018 na que tivo a honra e o pracer de participar como pregoeira a mestra de música Claudia Favorecido, que contou coa activa colaboración da comunidade educativa do CEIP Amor Ruibal de Barro no emotivo acto inaugural  que tivo lugar o venres 15 de xuño no Pazo da Crega.
Reiteramos a nosa máis profunda gratitude e, asemade, agradecemos enormemente a xenerosa colaboración de Gloria e Harry, integrantes do grupo musical Mamá Cabra, por acompañármonos á hora de interpretar o seu Baile da Paz, que tan ben recolle o espírito alegre, solidario e pacífico característico desta emblemática Festa.


  • No programa Orixe e Calidade (emitido o xoves 21 de xuño) do CANAL RÍAS BAIXAS (a partir do minuto 9, aproximadamente):






28 de xuño de 2018

Proxecto de Robótica

Resumimos neste vídeo as actividades maís destacadas do Programa de Robótica Educativa en Primaria, no que participou alumnado e profesorado de Infantil e Primaria.



Para o seu desenvolvemento, deseñaron e levaron adiante un proxecto sobre a Prehistoria, "Os Petróglifos", que quedou recollido en entradas anteriores deste blog así coma nos blogs das aulas participantes:

En "O blog de MIMI":
https://oblogdemimi.blogspot.com/search/label/Petr%C3%B3glifos

En Infantil:
http://pequecholandia.blogspot.com/search/label/PETRA

En 3º e 4º de Primaria:
http://amorruibalsegundociclo.blogspot.com/search/label/petr%C3%B3glifos

Pasado e futuro unidos pola tecnoloxía!
APAIXONANTE!

27 de xuño de 2018

"Petro Go" e as visitas aos Petróglifos

Unha vez rematado o Proxecto dos Petróglifos o alumnado participante realizou unha saída ao PAAR (Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campolameiro) para realizar unha visita guiada e uns obradoiros.
Podedes ler máis sobre estas visitas accedendo aos blogs e premendo nos seguintes enlaces:



Invitamos ás familias destes niveis a participar con nós neste proxecto e quixemos recoller tamén as súas visitas. Así, enviamos unha carta na que explicabamos a actividade para recopilar imaxes das visitas realizadas a distintos petróglifos que enlazamos para crear un mapa virtual.

O enlace a este mapa virtual témolo na marxe dereita deste blog baixo o nome de: "Petro Go" e podedes acceder premendo na imaxe que amosamos a continuación

https://www.google.com/maps/d/viewer?mid=1gYaWLrgc2vFeqpfo7S2EUdoP1tsRfLjb&ll=42.52153724482353%2C-8.651424582500567&z=12

21 de xuño de 2018

Entega de agasallos a Infantil

O pasado 13 de xuño O alcalde de Barro Xosé Manuel F. Abraldes e Pilar Álvarez, responsable da OMIX e Biblioteca Pública estiveron na Biblioteca do noso centro para facer entrega dos agasallos pola súa participación no tradicional concurso de contos convocado polo Concello "Os contos que contan"
Recollemos no seguinte vídeo un resumo fotográfico do acto:

Máis información no blog de Infantil:
https://pequecholandia.blogspot.com/2018/06/entrega-agasallos-polos-contos-que.html

Seguro que gozaremos con estas lecturas!
Moitísimas grazas!!

16 de xuño de 2018

As mans de Barro

O alumnado do CEIP Amor Ruibal de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria visitou a exposición de cerámica "As mans de Barro", sita na Sala de Exposicións do Concello de Barro, na primeira semana de xuño. Así mesmo gozou dun fantástico e interesantísimo obradoiro impartido polo artesán da nosa terra Celso García Alonso, autor das pezas expostas.
Aquí podedes mirar un vídeo resumo destas visitas:



Para obter máis información sobre a mesma podedes acceder aos blogs dos distintos niveis.

Blog de 3º e 4º curso:
https://amorruibalsegundociclo.blogspot.com/2018/06/visita-exposicion-as-mans-de-barro.html

Blog de 5º e 6º:
https://amorruibaltercerciclo.blogspot.com/2018/06/as-mans-de-barro.html

Moitísimas grazas!! 


15 de xuño de 2018

Xogo de pistas: "Os Petróglifos e a Prehistoria"

No terceiro trimestre desenvolvemos un proxecto sobre a Prehistoria, en concreto sobre "Os Petróglifos". O noso obxectivo principal era o de afondar no coñecemento de como vivían as  persoas primitivas da Idade de Bronce.
O punto de partida foi un xogo de pistas que se desenvolveu na Biblioteca e no que participou todo o alumnado de Infantil, ademais de 3º e 4º de Primaria.


A actividade desenvolveuse en sesións diferentes para cada aula. E así, divididos en grupos, acompañamos ao noso robot Mbot (programado polo alumnado de 4º curso co módulo sigue-liña branca) no seu percorrido, atopamos pistas en tarxetas ou agochadas en códigos QR (que dirixían a un texto ou a enlaces web) como a que escondía o holograma de "Petra" programado polo alumnado de 4º na clase de ALFIN, atopamos outras que ofreceron infomación a través dun vídeo ou nos levaron cara os libros informativos.



Foi emocionante comprobar como puidemos completar o percorrido que MIMI nos propuxo e recibimos como agasallo un sobre con máis material divulgativo para a aula.

13 de xuño de 2018

Voces de Mulleres

Chegado o remate do curso, chega tamén o momento de amosar as producións de cada aula. Despois de investigar a figura da muller nos distintos campos propostos inicialmente: Ciencia, Literatura e Arte, este é o resultado do Proxecto Voces de Mulleres en cada aula.

AULAS DE EDUCACIÓN INFANTIL
O alumnado de Infantil expuxo a outras nenas e nenos de infantil, 1º e 2º curso de Primaria, o resultado da súa investigación sobre a vida e obra de diferentes mulleres en campos moi variados: científico, literario, artístico, musical, deportivo, da saúde e do sector servizos.

Podedes consultar a lista de todas elas no seu blog: PEQUECHOLANDIA
 
Aulas de 4 anos, 5º de Infantil
Aulas de 3 anos, 4º de Infantil


Aulas de 5 anos, 6º de Infantil







AULAS DE EDUCACIÓN PRIMARIA

Rosalía de Castro, Pilar Mateo Herrero, Yayoy Kusama, Mª Antonia Dans e Isabel Zendal foron as mulleres escollidas en 1º e 2º de Primaria para o proxecto Voces de Mulleres. Os resultados das súas investigacións foron expostos e compartidos co alumnado de Infantil.
Máis información no blog de 1º e 2º:












Marie Curie, Gloria Fuertes, María Canosa, María Martiñón, Fina Casalderrey, Marisa Núñez, Mabel Rivera, Ledicia Costas, Marilar Aleixandre e Patricia Castelao, entre outras, son as mulleres sobre as que o alumnado de 3º e 4º curso desenvolveu o proxecto. Ao remate, compartiron o aprendido co alumnado de 5º e 6º de primaria.
Máis información no blog de 3º e 4º:













O alumnado de 5º investigou a Emilia Pardo Bazán (escritora), Susana Seivane (música) e Ángeles Alvariño (bióloga). O alumnado de 6º centrouse en María Mariño (escritora), Antonia Ferrín Moreiras (astrónoma) e Cristina Castro (pintora). Logo, compartiron o aprendido coas compañeiras e compañeiros de 3º e 4º curso de Primaria.
Máis información no seu blog:
http://amorruibaltercerciclo.blogspot.com/2018/06/exposicion-voces-de-mulleres.html











Un gran traballo!
Parabéns a tódalas aulas!